Voltamos!

Cinco anos longos dunha noite de pedra. De sufrir como cans no inferno. De chorar de pena e de ledicia. Cinco anos. Pero xa rematou, o Celta volve o seu lugar, a onde nunca tivo que marchar. Volve a ser un club de Primeira. Porque nin nos nin ninguén no celtismo deixou nunca de selo. NORABOA!

Queremos acordarnos de todos, dos que tedes sufrido con nos, tanto dentro como o noso carón. De aqueles que nos axudaron nestes cinco anos de crecemento, de volver a coller folgos, de gardar o noso espazo e de axudar a quen o necesitaba.

Darlle a nosa máis sincera felicitación ó Real Club Celta de Vigo. Os xogadores, os técnicos, os empregados da casa e os directivos. Especialmente o presidente Carlos Mouriño. Trabucouse en moitas cousas, pero soubo rectificar ata encontrar o camiño axeitado. Non foi sinxelo para el, tanto no deportivo como no persoal. Por eso esta mención especial.

Tamén acordarnos da tódalas peñas amigas e compañeiras. Dos Centolos Celestes, que sempre están connosco. Deses benditos tolos da Arousa que responden ó nome de Carcamáns. Das novas peñas que naceron este ano como Irmandiños 1923, Arribada Celeste ou Morriña Celeste. E por suposto das de fora, especialmente de Blau Cel. Eles conseguiron que sufrir o Celta dende lonxe sexa menos sufrimento.

E, por último, pero non menos importante, dos nosos socios. Eles son os que fan Comando e polos que esta Xunta Directiva traballa todos os días. A eles lles dedicamos este ascenso. Quizais o máis difícil e duro nestes vinte cinco anos de historia. Pero agora ven o máis bonito, o que tanto levamos agardando. Gocemos da Liga BBVA, da Primeira División.

Ante todo, moita caña!

A Xunta Directiva da peña Comando Celta.

Los comentarios están cerrados.