Abdelhakin, o comando alxeriano

Os vínculos do noso Celta traspasan as fronteiras e o celtismo brota nos recunchos máis recónditos e inesperados. Tal é o caso de Abdelhakim.

Hakim é un xove alxeriano nado no 1979 e que reside en Orán. Comezou a seguir a andaina celeste cando toda Europa quedaba marabillada polo xogo despregado polos pupilos de Víctor Fernández, daquela o noso adestrador.

O contacto con Comando Celta iníciase no outono do 2005 a través dunha carta chea de debuxos e alusións ó RC Celta. A misiva viña escrita nun idioma mistura de francés, español e algo máis que era pouco menos que indescifrable. Na interpretación da carta resumíase en que Abdelhakim era un acérrimo siareiro celtista e ademais un fiel seguidor da actualidade do club celeste. Hakim remataba o escrito solicitando un favor moi especial: ter unha camiseta do RC Celta.

A partires de aí iniciáronse as xestións para buscar o xeito de mercar e facerlle chegar a camiseta ata Orán. A carta foi entregada ó RC Celta que despois de pasar por varias mans acabou obviando o asunto. Foi Comando Celta quen finalmente lle enviou por correo unha camiseta oficial xunto a unha bandeira, unha viseira e, como non, un pin da nosa peña.

Abdelhakim segue moi de preto as noticias do noso club e case que diariamente actualiza a súa web que está adicada, como non, ó Celta. Visitade a súa páxina e deixádelle un saúdo que seguro que lle fará moita ilusión.

Los comentarios están cerrados.