Ante todo… moita caña

Ola a Todos e Todas. Benvidos ao 20º Aniversario de Comando Celta. Benvidos á festa do Celtismo.

Este é un momento moi difícil de describir, de resumir con palabras. Temos o costume de ver cara atrás cada vez que se celebra un aniversario. Non é a miña intención repetir este tópico, pero permitídeme lervos unhas palabras que escribín fai uns meses, uns anos ou unha década, iso é o de menos; un día deses nos que o noso recordo tínguese de celeste intenso:


<< Non quería mirar ao campo, deime a volta, quería ver a bancada, ver o sentimento no rostro, nos ollos, nas mans, as bágoas afloraban, non tiñan idade, vellos, novos, isto soábame de vivilo noutro momento, estas mesmas sensacións nas miñas neuronas.>>

Como xa dixen, estas palabras teñen uns meses, uns anos, ou unha década. Pertencen a un descenso a segunda, ou quizais a unha final de Copa perdida,.. Dá igual. Son o espello da nosa historia, a historia do CELTA, a historia de COMANDO.

 

Todo o demais xa o coñecedes. Bandeiras, bengalas, pancartas, cartolinas, bombos, autobuses, cascos con cornos (non todo o mundo os leva con tanto orgullo…) palmas, bufandas, tracas, nas mans a forza dun guerreiro, e na camiseta unha cruz vermella que ás veces se crava no corazón. Iso é o que somos (as veces non sei se a cruz levámola ás costas en vez de no corazón…)

Hoxe celebramos cumprir 20 anos. Ninguén me pode negar que somos moi novos. Xa quixésemos moitos… É máis, entramos na década do mileurismo… Aínda vai ser que o Club vainos a pagar 1.000 euros ao mes… iso xa o din as malas linguas.

Pero, por encima de todo, somos COMANDO CELTA. Hoxe somos máis que nunca COMANDO CELTA, con forzas para levar ao noso equipo un banzo máis arriba ao berro de “Alé, Alé, Alé”…, como este último domingo. Unha vez máis, o “Sentimento COMANDO” renaceu. Hai caras novas e xente nova que entendeu este Sentimento que perdurou durante estes 20 anos. Os que xa non están son parte deste sentimento, sempre terán o seu sitio. Os que se incorporan téñeno que respectar e deben esforzarse para darlle vida.

Entre tanta celebración e tanto recordo non podemos descoidar o futuro. COMANDO é novo, recordo que só ten 20 anos. A esta idade debemos empezar a pensar no futuro, que como sempre irá unido ao do noso querido CELTA. E o futuro é a mocidade, que é o que xa non teremos os que aquí estamos dentro doutros 20 anos.

Hai un reto vital para o Celtismo, e polo tanto un reto para Comando Celta. Necesitamos facer a nosa propia “canteira” para que este sentimento non desapareza. Se cremos en COMANDO, se queremos ao CELTA, se aceptamos a nosa mocidade, pero tamén a nosa próxima madurez, debemos pornos unha vez máis ao choio. Pero esta vez co obxectivo principal de crear canteira na afección.

Teño en mente a photo finish: todos nós nun lado da curva de Marcador, a escasos metros da liña de cal (é dicir, nun estadio novo…), vendo como unha xeración de Comandos que agora empezan connosco axitan as bandeiras, golpean os bombos e esnaquízanse as súas gargantas por ese sentimento imposible que se chama REAL CLUB CELTA. E o máis importante de todo: coméndonos unha enorme bolsa de pipas (os que vivides este sentimento sabedes a que me refiro…)

Somos os herdeiros dunha identidade, a do POBO CELTA, e dunha paixón, o REAL CLUB CELTA. Ambos os pequenos, guerreiros, afastados, en territorio salvaxe e condenados á resistencia desde a que aprenderon a valorar a importancia dun raio de sol no inverno do “fin da terra”.

Aproveitando este xogo de palabras, aos membros do Club, directivos, corpo técnico e sobre todo xogadores, pedímosvos que sigades traballando forte para enviarnos ese pequeno raio de sol. E cando ese non chegue, aí estará COMANDO cantando “Alé, Alé, Alé”… para abrir un claro no ceo.

Nós, COMANDO CELTA, temos a posibilidade de liderar a renovación dunha afección que xa perdeu unha xeración. Como sucedeu no 87, ano do noso nacemento, tamén xogando en 2ª División, poñámonos ao choio. Pero que sexa a partir de mañá mesmo, porque hoxe estamos celebrando a nosa mocidade.
ALA CELTA, FORZA CELTA, E ANTE TODO… MOITA CAÑA

Franchu Hernández, 11 de outubro de 2007

Los comentarios están cerrados.