A final de Sevilla

Quero sentir un triunfo [Franchu Hernández, 2 de xullo de 2001]:

Quero sentir o triunfo, sentir nas miñas carnes esa explosión de xúbilo, como o da hinchada maña co gol de Yordi. Debe ser algo así como o que vivimos co tanto de Mostovoi, xogador que se queda para sempre no corazón do celtismo pola súa entrega, pero máis salvaxe. Ese foi o meu último, pero principal, sentimento nunha viaxe chea de vicisitudes, sobre todo na ida.

 

Partimos 150 membros do Comando en tres autocares. Unha semana de preparativos, mais de 200.000 pesetas en bebidas e comida, 50.000 en tracas, gorros, e camisetas, 90 bandeiras, buses rotulados para a ocasión , adhesivos de “campións”. En fin, de todo.

Os múltiples inconvenientes da ida por Portugal -un vehículo avariado e reparado en autoestrada; outro rengueante obrigado a constantes paradas- fixéronnos pensar aínda mais se cabe na vitoria céltica.

¿Tanto problema é signo de triunfo?, pensabamos. Dezasete horas de traxecto Vigo-Sevilla que todos dabamos por ben empregados.

Xa na capital andaluza entramos en contacto coa final ¡E con calor!. Ao meu entender a afección estivo máis dispersa que na final do 94. Iso, se a proporción entre celtistas e zaragocistas decantábase cara ao noso lado: ¡15 a 1! Non esaxero.

No campo, a pesar da distancia, deixámonos sentir, e de que xeito, antes do partido atronou a “Rianxeira” por todo o estadio, co gol do Zar chegou a tolemia. Pero ao marcar eles, o temor atragantou os nosos cánticos.

A afección celeste veu abaixo. Quizais a calor, quizais o cansazo, estaba pasando factura. Despois chegaron os goles maños. O gol de Yordi, que supuña o 3-1, recordoume ao de Higuera no Madrid. A explosión da súa inchada.

Non quería mirar ao campo, deime a volta, quería ver a bancada, ver o sentimento, na cara, nos ollos, nas mans, as bágoas afloraban, non tiñan idade, vellos, nenos… Aplaudimos a volta de honra do Zaragoza, e eles correspondéronnos. Dúas afeccións exquisitas. Isto soábame, de vivilo noutro momento, as mesmas sensacións nas miñas neuronas.

A viaxe de regreso dos tres autocares- outras quince horas de malleira- viviuse con resignación. Algúns, os máis bullangueiros, quedámonos de marcha en Sevilla, quizais para unha festa boba con sabor a nada, pero para esquecer, era o mellor. ¡Tanta preparación para a celebración, e ao final, nada.!

No bus dos maiores, case todos durmindo, no da chavalada o animo ía crecendo aos poucos, e no dos VIPS, tempo para a análise.

¡Quero sentir nas miñas carnes a alegría dun titulo!… puf, debe ser a ostia.

Los comentarios están cerrados.