Marsella é nosa: ‘A marcha celeste’

Marzo do 99:
A mañá transcorría sen incidentes e os habitantes de Marsella parecían permanecer á marxe da festa que se montaban os celestes, aínda que de cando en vez había algún pique cando un francés sinalaba cara ao chan co pulgar. Pero o sangue non chegaba ao río xa que os celtistas, sen perder o sorriso, achéganse e din ¿foto?, un sorriso e merci.

Mentres tanto os Comandos, facían turismo en Arles, unha cidade antiga e cun esplendido teatro romano, a cidade de Van Gogh, serviu de descanso matinal, para pouco despois facer o desembarco en Marsella. Ás dúas da tarde chegou o autobús do Comando Celta que despregaron tal arsenal de bandeiras que impresionaron ós marselleses. Nin as máis de 18 horas de autobús conseguían apagar o ánimo a estes afeccionados que se foron mesturando na cidade, aínda que os seus distintivos non lles deixaban pasar desapercibidos. Ás seis da tarde estaba convocada a marcha organizada polo centro galego de Marsella e ata entón houbo tempo suficiente para facer turismo e repor forzas, ía facer falta.

Os Comandos aínda tiveron tempo para subirse a un antigo e enorme carrusel situado nunha praza moi preto do peirao ataviados cos seus cascos viquingos, as súas trenzas azuis, e as súas bandeiras ao vento. Aquí quentaron motores para a longa camiñada na que as rúas de Marsella foron do Celta. O concello da cidade deu permiso para celebrar a marcha celeste, e nunha cidade que o caos automobilístico é constante, permitíronse o luxo de cortar unha das vías principais de acceso ao centro para deixar pasar a marea céltica. Unha hora despois xa se divisaba o xigantesco Velodrome, campo do Marsella. O protagonismo dos celestes na cidade diluíuse como un cubito de xeo ao entrar ao estadio, preto de noventa mil gargantas ao unísono, ao berro de Oympique.

Los comentarios están cerrados.