|
|
A
memoria dunha década: Corazóns de sangue celeste
|
|
O celtismo, para o bo e para o malo
José Luis Barreiro, 1997
O celtismo anda de festa. E un pregúntase, ¿que sería
do Celta sen o celtismo? É unha relación simbiótica
onde os que saen máis beneficiados son, sen ningunha dúbida,
os futbolistas e o club. O impagable larbor da afección valórase
só o suficiente. O seu apoio nos 75 anos de historia do Celta
viviu un longo camiño de fidelidade silenciosa, pero tamén
sonora e colorista.
Na última década o celtismo renovouse, curtiuse e
madurou, resultando máis fundamental que nunca. Cántos
momentos de ledicia desbordada e, non podemos esquecelo, de agonía
prolongada. Pero aí estivo afortunadamente, cada vez sendo
máis e mellor.
O que foi afeccionado antes que contador da actualidade deportiva,
lembra con nostalxia aqueles días de fútbol na bancada,
sen lápiz nin micrófono. E ver cada domingo o colorido
de Balaídos prodúcelle, ó mesmo tempo que unha
enorme satisfacción, unha envexa. Vense á pituitaria
o cheiro a puro e ó corazón aquela sensación
de nervios, mesturados con paixón, cando camiñaba
rumbo ó estadio. Intentar coarse como xuvenil sendo xa un
barbado adulto.
Un sentimento celtista inexplicable pero que nacía espontaneamente
e que a moitos nos fixo vivir unha entrañable época
tinguida dun intenso azúl celeste.
E
o celtismo, o bo, o de ano a ano, ese que se xunta e se organiza
ó redor dunha peña, aquí segue, crecendo e
consolidándose. Dende aquelas "Xuventudes Celestes",
primeiro grupo xuvenil da nova época, pasando por Comando
Celta agora celebrando un feliz décimo aniversario
a Barullo no Área easí unha e outra ata esa nova peña
de mulleres que tiña que chegar tal e como evolucionou isto
do fútbol. Xente que foi facendo aínda máis
grande ó Celta, no bo e tamén no malo. En xornadas
de gloria, como o ascenso en Sestao, onde todo se voltou loucura
quela tarde que o equipo chegou á Casa do Concello de Vigo
en medio de miles de seguidores, ou a grande final da Copa do Rei
do 94, momento que marcou un cambio cualitativo no celtismo, definitivamente
relanzado.
E como non, nos momentos máis escuros. Sufrindo, pero apoiando
e aguantando o tipo. Nos descensos, que case non se lembran do lonxe
que quedaron, e naquel tráxico e longuísimo mes de
agosto dos famosos avais. Aí só houbo unha clave:
a afección. A súa presencia física nas rúas
e na súa presión social resultou máis determinante
que calquera xestión burocrática. Moitos días
de tórrido verán nas rúas de Vigo e Madrid,
confirmaron o valor do celtismo, que loitou como nunca pola honra
dun Celta que algúns despistados estiveron a piques de mandar
ás catacumbas do fútbol.
O celtismo é o mellor deste club, é quen mantén
vivo e fai que ano tras ano se siga conservando ese espíritu
que moitos herdamos do avó, primeiro celtista de pro, que
naceu co propio Celta e todo o viviu en primeira persoa. Sen bufanda
nin bandeiras, pero que lle meteu no corpo unha transfusión
de sangue celeste e ensinouno a querer a un club, que é o
símbolo e orgullo dunha cultura e unha historia como a viguesa.
O fútbol, o Celta, por riba de todo, é un invento
dos seus afeccionados e para os seus afeccionados.
Desde cando son celtista |