Semifinalistas no torneo de fútbol indoor

O pasado domingo sete de setembro a nosa peña participou na primeira edición do Torneo Celeste de fútbol indoor organizado pola Asociación Galega de Fútbol Indoor. Celebrado no pavillón da escola Rosalía de Castro, na parroquia viguesa de Bembrive, o torneo reuniu a catorce equipos. Dende primeira hora da maña ata a final disputada xa de noite, foi unha xornada de confraternización entre o celtismo.


O noso equipo de fútbol estivo encadrado no grupo 3 xunto aos equipos Celtistas Home No, Celeste Rayo Vallacano y la peña Celtilikos. Contra o primeiro de estes enfrontouse Comando as 9:50 abrindo o noso grupo. Un encontro marcado pola lesión do noso dez, Berto, quen tivo que retirarse mancado no xeonllo e xa non puido xogar máis no torneo. Os branquivermellos lograron poñerse 6-2 pero viron como os rivais empataban o encontro na segunda metade. Pero un tanto de Dani nos últimos minutos puxo o 7-6 final.

Xa as dúas da tarde esperaban os mozos do Raya Vallacano. Un equipo marcado pola súa xuventude que puxo en problemas os comandos pero que finalmente impuxeron a súa calidade para levarse o partido por 8-4. Pero este encontro tamén trouxo a lesión do noso adestrador-xogador David que non volveu tampouco a xogar no torneo. E por último o grupo pechábase co enfrontamento ante os Celtilikos. O empate valía a ambos para pasar e así ocorreu: 1-1.

No torneo triangular de semifinais, Comando caía no grupo A fronte a dous clásicos nos nosos torneos: Irmandiños e Centolos. Tras o empate entre ambos no primeiro encontro do grupo, os violas esperaban a Comando. E os nosos vingaron a eliminación no torneo de Baiona, endosando un claro 6-1. No derradeiro encontro decidíase o pase a final, valíanos o empate para pasar pero os amarelos tiveron máis tino cara a porta. 1-5 final que eliminaba aos nosos.

Unha gran experiencia para o equipo de Comando Celta que xa prometeu volver a segunda edición do Torneo Celeste no mes de decembro. E dar aínda máis guerra. Dende aquí dar as grazas á organización e os seus colaboradores polo bo desenrolo do torneo.

Fotos da Axencia CC e Asociación Galega de Fútbol Indoor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *