Os avais do 95

A pretemporada 95/96 presentouse quente cun grande escándalo no fútbol español. O día 1 de agosto saltaba a noticia en todos os medios de comunicación: “o descenso administrativo” do Real Club Celta e Sevilla Fútbol Club a consecuencia de non presentar os avais dentro dos prazos establecidos.

Foron dúas semanas de incerteza sobre o futuro de ámbolos dous clubes na categoría de ouro do fútbol español. Días de reunión por parte dos clubes, federación, Liga de Fútbol Profesional e tamén reivindicacións e manifestacións por conta das distintas afeccións.

Finalmente, o día 16 de agosto, tomouse a decisión na asemblea da LFP: “admisión na Primeira División dos dous clubes e ampliación a 22 equipos”. Pódese dicir que a presión que fixo a afección dos, nas horas en que se debatía o “affaire” dos avais nos arredores dos locais da Liga, foi determinante.

O 16 de agosto a capital vestiuse de celeste con máis de 3.000 seguidores. Todo Vigo e Galicia botouse á estrada. Xa de madrugada a autoestrada M30 da capital madrileña viuse colapsada con cerca de 50 autobuses cheos de seguidores celestes.

Tamén acudiron seguidores sevillistas pero en moita menos cantidade, xa que as peñas sevillanas desconvocaron a manifestación unhas horas antes. Os berros de apoio e a presión axercida aquela mañá resoaba no exterior da LFP. O obxectivo era común entre as dúas afeccións: o Celta e o Sevilla son de Primeira. E en Primeira quedaban, como así foi. Unha historia que non pode repetirse.

O que si lle gustría repetir ó siareiro foi o recibimento, na madrugada do 17, da longa caravana de autobuses na esplanada de Balaídos procedentes de Madrid. Era a chegada dos que conseguiran deixar ó Celta onde estaban, en Primeira. Atrás quedaban as horas de viaxe no autobús, a calor soportada durante as longas horas na cidade madrileña. Agora non importaba nada.

Os afeccionados viaxeiros eran recibidos como heroes. A festa foi inolvidable entre directivos, xogadores e afección. O celtismo quedou satisfeito, co deber cumprido e cun compromiso de onde o Celta, o seu equipo, requira a súa presencia, en calquera momento, lugar e situación, alí estará sempre apoiando ó seu club: o Real Club Celta de Vigo.

1998, un ano inesquecible

Comando Celta quixo festexar este ano, e fíxoo ao grande. 1998, quédase gravada para a historia do celtismo, o Celta celebra o seu 75 aniversario e clasifícase para a UEFA, non cabe dúbida que Comando esta a vivir un dos momentos mais doces destes once anos de existencia.

O 15 de maio foi unha das datas mais destacadas en toda a historia do Celta. Ese día disputábase a última xornada da Liga, e o Celta chegaba a este partido contra o Mérida con posibilidades de clasificarse para a UEFA.

¡Histórico!, o Celta en Europa, por fin unha viaxe europea, o continente espéranos. O triunfo sobre o Mérida (2-0) saltou como unha espoleta nas bancadas de Balaidos, a afección toleou, desatou toda a súa paixón, alegría e sentimento. E na celebración na praza de América, de xeito extraordinario, Comando quixo sumarse á festa, e apoiou o festexo cun superautobús tipo ínglés, onde fixo as delicias de todos os afeccionados e dando colorido ó evento.

Durante todo o día, o autobús de Comando estivo alegrando e animando as rúas da cidade e, para despois, recibir ao equipo no prolegómenos do partido, e acompañalos na festa das Travesas.

Inesquecible para Comando, inesquecible para o celtismo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *