A copa do 94

Que agradable é estar tomando uns viños no teu barrio e, ó mesmo tempo, formar parte dunha tertulia onde os máis vellos che falan das fazañas daquel Celta xa afastado, de cando aínda non nacéramos. Aqueles recordos da voz dos nosos avós, aquela final da Copa do 48 ou a clasificación para a UEFA no 71. Sempre che viña á mente un soño: o vivir unha final desas que nos contaban… se algún día ocorrese seríamos os mais felices do mundo.

Na temporada 1993/94 íase a cumprir ese soño, no torneo do K.O., despois de eliminar tres primeiras: Albacete, Logroñés e Oviedo, metíamosnos en semifinais. O sorteo deparounos ó Tenerife, naqueles momentos era o equipo revelación na liga española. A sorte estaba botada e soñar era gratis. A outra semifinal enfrontaba ó Zaragoza e Betis.

O Celta partía como vítima, de feito, o seu camiño pola liga non era moi brilante, pero aquel primeiro partido da eliminatoria resolveuse cun contundente 3-0. Aquilo empezaba ben. O optimismo era enorme pero faltaba o partido e todos eramos conscientes de que o Tenerife tiña un grande equipo. No Heliodoro Rodríguez as cousas puxéronse feas, o equipo que dirixía Valdano adiantouse con dous goles, pero a reacción non se fixo esperar e veu da man, ou mellor dito do pé de Vlado Gudelj con dous tantos que supuxeron o empate e colocábanos na grande final.

O noso soño, aquel que tanto quixemos facer realidade, cumpriuse. Que noite a daquel día, o celtismo botouse á rúa. Galicia era unha festa e Vigo un espectáculo xamais vivido. As peñas e sobre todo o noso Comando Celta paseaba as súas grandes bandeiras ó son dos bombos, bucinas e tracas polas rúas da cidade.

A noite presentábase embriagadora e longa, moi longa. Estes acontecementos había que celebralos e vivilos moi intensamente, pois, pasan moi de cando en cando. Na mente de todos estaba o recibimento ós heroes e iso supuña estaren condicións de revista. A hora: 5 da madrugada. Lugar: Aeroporto de Peinador.

E chegou o clímax, o momento máxico da noite. O avión chegaba ó destino procedente das illas. Por fin chegaba, cheo de ilusión e ledicia, e os máis de cinco mil siareiros gritaban unánimes ¡Celta, Celta, Celta! que fiseron que o ruído do avión fose unha insignificancia no momento que aterraba. A avalancha dos seguidores e a posterior invasión da pista para recibir a pé de escada ós xogadores con bombos, bengalas e bandeiras foi incrible, chegando a sorprender ós mesmiños xogadores. Os cánticos de “campións” e o xa famoso “sí, sí, sí, imos a Madrid” foron coreados polos xogadores conxuntamente con toda a afección alí presente.

Faltaban case corenta días e había que empezar a preparar a final… O día aproximábase, os preparativos ían a marchas forzadas. O Comando púxose en funcionamento. Había que dar un colorido especial ó campo do Vicente Calderón, a ocasión non era para menos.

Xuntamente con distintas peñas do Celta empezouse pola confección de máis de 20.000 cartulinas celestes para realizar o mosaico polas bancadas onde se ubicasen os afeccionados celestes, a xigantesca bandeira de máis de catrocentos metrs cadrados coas cores do Celta e todo o aparato que conleva esta clase de eventos. O Vicente Calderón tiña que ser celeste.

Máis de 25.000 persoras chegaron a Madrid de todos os puntos de Galicia, España e todo o mundo. O Celta non ía a estar só. O equipo ía estar arroupado por unha afección de prestixio, o colorido polas rúas da capital facíase sentir por calquera recuncho, respirábase un olor a celtismo.

Chegou o momento da verdade, faltaban escasos minutos para que dese comezo a grande final. Todo estaba preparado, o ambiente era o dos que engrandece ó fútbol, as dúas afeccións coas súas respectivas cores e toda clase de instruementos de animación, os berros enxordecedores da afección, agora ¡Celta!, agora ¡Zaragoza! sucedíanse. As bancadas resoaban dende había máis de dúas horas e entre berro e berro o partido daba comezo.

O partido era un toma de dá dos dous equipos. Temíanse tímidos ataques e sobre todo seguridade defensiva. Algunhas xogadas co clásico ¡uiii! por parte das dúas afeccións. Os minutos transcorrían, víanse na distancia como se aproximaba a tan temida prórroga. Ninguén o quería, os xogadores apuraban as últimas ocasións, pero chegou o final dos noventa minutos e tamén dos cento vinte e chegouse ós penaltis, á lotería, ¿quen sacaría o número premiado? A lotería tocoulle ó Zaragoza e a Copa foise para terras mañas. A bancada estalou, uns coa ledicia de ser campións e outros, nós, na soidade da impotencia e a carraxe. As bágoas esvaraban pola cara da desolación, para algúns a bufanda e para outros as bandeiras de cor celeste facían as veces de panos para secar aquilo que saía do corazón. Moitos non lembraban a última vez que choraran.

O clamor dos afeccionados zaragocistas facíase interminables, era un inferno. Neses momentos derrubábanse moitas sensacións xamais experimentadas. Foran días de ilusión e esperanzas que agora ían ó traste. As bágoas contaxiaron ata ós xogadores no campo. Durante uns minutos notábase un silencio sepulcral na bancada onde estabamos a pesar do infernal ruído dos seguidores do Zaragoza. Pero de súpeto, como se dun resorte se tratase, unha grande nube de cor celeste saltou ó ceo do campo. Nun arrebato, metade de rabia, metade de corazón, as gorxas dos máis de vintecinco mil celtistas gritaron: ¡Celta, Celta, Celta! Os seguidores zaragozanos non puideron por menos que admirar a afección daquel equipo que perdera había tan só uns minutos a Copa. O aplauso foi unánime por parte deles.

Alejo, Andrijasevic, Patxi Salinas, Cañizares, Engonga, Vicente. Tito (masaxista), Ratkovic, Salva, Gudelj, Dadie e Otero

Non gañaramos, pero chegamos alí só os grandes chegan. Por unha vez fomos GRANDES. ¡Gracias Celta!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *