O opio do pobo

Escrito por Eduardo Rolland, 1997

O Celta é o opio do pobo. Os seus aditos sómense en Balaídos nun pesado sopor, salpicado ás veces con episodios de euforia. Para colmo, o produto xera adición. E moita. A peña Comando Celta cumpre 20 anos intentando salvar á afección do desánimo e a decepción.

Fármaco sintetizado nos laboratorios O’ Canizo. Coñeza por fin seu prospecto,


Composición

Cada socio de Comando Celta contén:
Celtismo 10 mg.
Dióxido de sufrimento 2 mg.
Excipiente (tinto do pais) 4 cuncas

Propiedades
Comando Celta é un composto para o tratamento sintomático do celtismo en procesos crónicos e agudos. A súa presentación como peña actúa directamente sobre o socio, provocando estadios de euforia e decepción asociados coa táboa clasificatoria. A acción inhibidora do ‘dióxido de sufrimento’ provoca episodios reiterados de animación na bancada de Marcador, acompañados de axitación de bandeiras, exhibición de pancartas e berros de xúbilo que, en ocasións extremas, poden ir acompañados da onda (“ondula brachium”). Comando Celta provoca animación nos seus socios, reconforta nos momentos difíciles, leva á euforia nos mellores e a súa acción continuada anima en Balaídos e leva ó equipo polo aire cara á vitoria.

Indicacións

Pacientes afectados do celtismo, en todas as súas variedades. Tamén indicado para estadios moi graves (partidarismo).

Posoloxía
Comando Celta adminístrase no Bar O’ Canizo, onde as propiedades terapéuticas dos seus caldos están asociadas á proximidade balsámica de Balaídos. Unha vez asociado á peña, o paciente visitará o estadio un de cada dous domingos, sempre despois das comidas. A acción do medicamento refórzase se o paciente visita outros campos xunto á peña ó longo da temporada.

Contraindicacións
Comando Celta non é apto para pacientes afectdos de Deportivismo (bacilo de “advenedixus empalmadus” ou “Estreptococo de Augusto”).

Precaucións
Comando Celta pode provocar episodios incontrolados de euforia durante finais de Copa e goleadas en Riazor. No caso de que estes cadros deriven en episodios de decepción aguda, procederase, xunto ó resto de peñistas, a un laado de estómago nas tascas homologadas.

Efectos secundarios
Detectáronse casos illados no Comando Celta de gritos contra o adestrador. Se o paciente se atopa baixo os efectos do fármaco, considéranse estes apuros sempre xustificados e procederase con cirurxía intensiva mediante a demisión ou destitución do técnico.

Precaucións en caso de embarazo
As socias embarazadas seguirán acudindo a Balaídos para desenvolver as virtudes celtistas do futuro neno. É convinte aboar ó rece´n nacido despois do parto.

Sobredose
En caso de clasificación para a Uefa o consumo masivo accidental procederase a bañar ó paciente na praza de América.

Este produto é un medicamento. Mantéñase ás nenas fóra do alcance dos peñistas de Comando. Ala Celta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *