O celtismo, para o bo e para o malo

José Luis Barreiro, 1997

O celtismo anda de festa. E un pregúntase, ¿que sería do Celta sen o celtismo? É unha relación simbiótica onde os que saen máis beneficiados son, sen ningunha dúbida, os futbolistas e o club. O impagable larbor da afección valórase só o suficiente. O seu apoio nos

75 anos de historia do Celta viviu un longo camiño de fidelidade silenciosa, pero tamén sonora e colorista.

Na última década o celtismo renovouse, curtiuse e madurou, resultando máis fundamental que nunca. Cántos momentos de ledicia desbordada e, non podemos esquecelo, de agonía prolongada. Pero aí estivo afortunadamente, cada vez sendo máis e mellor.

O que foi afeccionado antes que contador da actualidade deportiva, lembra con nostalxia aqueles días de fútbol na bancada, sen lápiz nin micrófono. E ver cada domingo o colorido de Balaídos prodúcelle, ó mesmo tempo que unha enorme satisfacción, unha envexa. Vense á pituitaria o cheiro a puro e ó corazón aquela sensación de nervios, mesturados con paixón, cando camiñaba rumbo ó estadio. Intentar coarse como xuvenil sendo xa un barbado adulto.

Un sentimento celtista inexplicable pero que nacía espontaneamente e que a moitos nos fixo vivir unha entrañable época tinguida dun intenso azúl celeste.
E o celtismo, o bo, o de ano a ano, ese que se xunta e se organiza ó redor dunha peña, aquí segue, crecendo e consolidándose. Dende aquelas “Xuventudes Celestes”, primeiro grupo xuvenil da nova época, pasando por Comando Celta —agora celebrando un feliz décimo aniversario— a Barullo no Área easí unha e outra ata esa nova peña de mulleres que tiña que chegar tal e como evolucionou isto do fútbol. Xente que foi facendo aínda máis grande ó Celta, no bo e tamén no malo. En xornadas de gloria, como o ascenso en Sestao, onde todo se voltou loucura quela tarde que o equipo chegou á Casa do Concello de Vigo en medio de miles de seguidores, ou a grande final da Copa do Rei do 94, momento que marcou un cambio cualitativo no celtismo, definitivamente relanzado.

E como non, nos momentos máis escuros. Sufrindo, pero apoiando e aguantando o tipo. Nos descensos, que case non se lembran do lonxe que quedaron, e naquel tráxico e longuísimo mes de agosto dos famosos avais. Aí só houbo unha clave: a afección. A súa presencia física nas rúas e na súa presión social resultou máis determinante que calquera xestión burocrática. Moitos días de tórrido verán nas rúas de Vigo e Madrid, confirmaron o valor do celtismo, que loitou como nunca pola honra dun Celta que algúns despistados estiveron a piques de mandar ás catacumbas do fútbol.

O celtismo é o mellor deste club, é quen mantén vivo e fai que ano tras ano se siga conservando ese espíritu que moitos herdamos do avó, primeiro celtista de pro, que naceu co propio Celta e todo o viviu en primeira persoa. Sen bufanda nin bandeiras, pero que lle meteu no corpo unha transfusión de sangue celeste e ensinouno a querer a un club, que é o símbolo e orgullo dunha cultura e unha historia como a viguesa.

O fútbol, o Celta, por riba de todo, é un invento dos seus afeccionados e para os seus afeccionados.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *