Desde cando son celtista

Escrito por Ramiro Fonte [1997]

Na vila, o meu pai era un dos raros seguidores do Celta, encravada como está Pontedeume nas Mariñas a súa cidade de referencia non é Ferrol, que fica moi preto, e si esa Coruña doce, amable. Ós meus paisanos sempre lles gustou reflexarse nas galerías da Dársena ou nos escaparates das tendas da rúa Real ou por onde o Obelisco. Ó meu pai nunca lle descubrín grandes afeccións pola arte do balompé, pero debía ser por iso, pola súa rara condición de celtista, polo que no caixón das fotos, que eu repasaba nas tardes enfastiadas de inverno ou cando estaba enfermo, topaba, entre familiares descoñecidos que vivían en California, fotos de cumpreanos, casorios ou primieras comunións, vellas alineacións do Celta de finais dos corenta con xogadores vestidos coa camisola abotoada, máis descoñecios aínda cós familiaresen cores que tiñan nomes americanos que xamais aprendín. Quizais aquelas fotos sexan as culpables de que a min me guste falar de fútbol a través da nostalxia, e que unha das mellores conversas é a que se pode ter cun vello futbolista, deses que nunca saberemos se chegou a triunfar ou non.


Debeu ser por iso que, cando fomos vivir a Ferrol (tiña eu daquela once anos), meu pai decidiu levarme ó fútbol por primeira e derradeira vez. Era un domingo perdido nos calendarios dunha primavera doce, case verán. A dicir verdade, a min ninca se me deu ben o de xogar ó fútbol e por iso a miña relación cun deporte que formaba parte deo espíritu nacional se limitaba ós xogadores que viñan nos cromos. Non sei por que, pero estaba xa un pouco canso da branca vestimenta do Madrid e prefería as cores blaugranas de Fusté, Sadurní ou Pereda. Pero ó que íamos. Aquel domingo o Celta xogabaen Ferrol o penúltimo partido da liga da segunda división. O Celta xa estaba en primeira: ascendera a fin de semana anterior ó gañarlle, se a memoria non me traizoa, ó Sevilla. Volvía a ela despois de moitos xa que, de feito, a representación do fútbol galego na primeira era, por aquel tempo, o Deportivo, a quen chamaban o equipo ascensor, e o glorioso Pontevedra do “hai que roelo”.

Aquel partido foi moi xeitoso: non me deixará mentir o meu amigo Pepe Vázquez Ramos, que o viu desde a grada destinada ós militares sen graduación, vestido co uniforme de infante de mariña. Gusto de lembrar aquel partido, sobre todo nun tempo, o noso, no que ás veces un ten a impresión de que o fútbol é o terreo de xogo dunha guerra bosníaca entre as capitais galegas. Hai un dato de importancia: o Rácing tamén se xogaba o ascenso á primeira división. Nunca estivo Galicia tan preto como naquela primavera de finais dos sesenta de ter catro equipos na máxima categoría.

Como o meu pai encendera en mín a chama do celtismo eu, sinceiramente, quería que gañase o Celta, anque no campo do Inferniño non tardei en entender, como entenden estas cousas os nenos, que aquel era un partido de luva branca, e que o Celta estaba disposto a deixarse gañar polo Rácing. Isto enxergábase ben grande cantidade de pancartas que os vigueses (centos deles viñeran desde as mansas rías do sur) erguían nas súas mans. Todas levaban escritas proclamas nas que desexaban o ascenso do Rácing. Os ferroláns, en consonancia con semellante feito, dábanlle nas súas a enhoraboa ós celestes polo ascenso conquerido. Non sei por que, pero na miña memoria, algunhas das pancartas están feitas con redes de pescar.

O Celta decepcionoume. O meu pai preparárame para unha derrota, aínda sabendo que gañara a guerra. Eu non podía entender como o dianteiro centro (creo que se chamaba Abel) podía tirar fóra, a dez metros da portería, balóns que a min, nas miñas pobres entendedeiras futbolísticas, me parecían claros balóns de gol. O rácing gañou dous a cero pero tanto tiña (debeume explicar o meu pai) porque o Celta xa estaba en primeira. Finalmente o Rácing non subiría: foron o Sevilla e o Mallorca os equipos que acompañaron ó Celta á terra prometida daquela división dourada.

Eu acabara primeiro de bacharelato e aquel verán vin a Vigo cos meus avós, xa a finais de maio ou comezos de xuño. Unha parte da miña infancia, esa parte máis duradoira que soe ter as luces do verán, desenvólvense no barrio do Calvario que hoxe (razóns de azares da vida) é o meu barrio das horas laborables. Aquel verán, nun dos cuartos que daban á misteriosa rúa Privada Moderna, véxome chapando a plantilla enteira do Celta, que o “Faro” sacara nun pequeno póster a cores. Aínda gardo na memoria os nomes de moitos daqueles xogadores: Bermúdez, Pedrito, Suco, Herminio, Abel, Costas, Jiménez,… Desde aquela son celtista dun xeito consciente. O curso entrante, todos os domingos estaba pendente dos resultados do Celta contra os famosos xogadores dos cromos. E, para a miña sorpresa, non vexa o respectable público, como empoleirei cos meus amigos ferroláns cando Costas foi convocado por Kubala para a selección.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *