Con licencia para soñar

Paco Domínguez [Xefe de Deportes da Voz de Galicia – Vigo]

Coas primeiras probas da liga o Real Club Celta gañou o dereito a soñar. Tan curto espacio de tempo bastou para establecer rexistros históricos. O decano do fútbol galego completou o seu mellor arranque ligueiro. Sete vitorias, tres empates e unha soa derrota. O día que este artigo vexa a luz, quizais se estea falando xa do Euro Celta, o que significará que o ansiado soño terá adquirido forma e o balance de éxitos terá incrementado bastante.
Pero entrementres, os fieis que asisten asiduamente ás citas de Balaídos, e os que se engancharon ó vagón do éxito, frótanse os ollos e conservan na súa retina as actuacións dun equipo ambicioso, que enterrou esa tacañería ofensiva que levou ás costas durante tantos anos e a súa proposta futbolñistica é difícil de rebatar, por moitos díxitos que teña o saldo da conta corrente do rival de quenda. Agora acuñouse en Balaídos un fútbol con aire fresco, renovado, con fundamento. O que proprciona a experta batuta de Javier Irureta, o enxeño de Alexander Mostovoi, a calidade de Valei Karpin, o zigzagueante espírito de Revivo, a sobriedade de Mazinho, a solvencia dunha defensa formada por Michel Salgado, Óscar Vales, Djorovic e Berges. A incansable busca do gol que cada domingo protagoniza Jorge Cadete. a confirmación de Dutruel, un gardameta que conseguíu desprenderse da timidez que caracterizou a súa estrea na Liga das Estrelas. E de Ito ¿que se pode dicir?, que está en todas as partes. A proposta non finaliza aí. No Celta están tamén xogadores que aportan experiencia, como Patxi Salinas. Co olfato goleador que atesouran Sánchez e Gudelj. Calidade na reserva, que definen Ratkovic ou Bruno Caires. Pulmóns que poden osixenar ó conxunto en calquera momento, como os do francés Dutuel, Josema ou Geli. E así ata completar un puñado de bos futbolistas que rivalizan por conseguir unha titularidade que se encareceu enormemente pola boa marcha que describe o equipo no campionato.

Ninguén se desanima. A liga é moi longa e hai oportunidades para todos. De momento a traxectoria do Celta revalorizou xa o valor do plantel. Pero voltemos á Liga. Todos sabemos que as derrotas abrandan calquera argumento, e que as vitorias as musculan de maneira evidente. E por isto que o xogou e os triunfos do Celta proporcionou a ledicia para soñar. Os pragmáticos repiten ata a saciedade: “… prefiro xogar mal e gañar”. Pero ninguén planea un partido en base a ese postulado. Gáñase e pérdese a pesar de xogar mal. Os triunfos do Celta son dobremente gratificantes, porque os consegue a pesar de xogar ben, desterrando aque lapidaria frase de Di Estéfano: “xogamos como nunca e perdemos como sempre”. O Celta planea unha proposta futbolística atrevida, con risco; deixando que o talento dos xogadores alcance a súa máxima expresión sobre o rectángulo de xogo. Por iso o equipo vigués pode tocar o ceo, do que a cor celeste brila máis que nunca na súa elástica oficial na chamanda Liga das Estrelas.

Pensar na UEFA non é unha utopía. Sobre todo vendo que ese mesmo obxectivo o manexan escuadras deseñadas a base de talonario, pero co nulo criterio e pírricos resultados deportivos. Agora aniñan comodamente nos últimos lugares da táboa clasificatoria, pero os seus creadores néganse a desterrar ese manido discurso que só serve para despistar ó afeccionado. Son estes dirixentes que envían ó “patíbulo” sen pestanear. Os mesmos que esgrimen argumentos empresariais para xustificar os despidos, pero que nunca protagonizan unha valente retirada que exalte a súa honestidade… O fútbol é dos futbolistas. Eles son os actores principais, os que moven as masas. O consello do Celta reestructurou o equipo, e con iso asumiu o fracaso dun discurso que conseguiu ilusionar á afección na pasada pretemporada. Si realmente había un equipo para xogar en Europa ¿para que se deron tantas baixas?

Nos comezos do novo exercicio moderouse o discurso. Cunha austera política económica, e con grandes doses de paciencia, chegaron os bos xogadores. E con eles, os resultados, a ilusión e o fútbol. Así é como debe ser.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *